Tuesday 16 de April de 2024

Feijóo avoga por incrementar a dixitalización e a I+D+i para impulsar os sectores tradicionais e aproveitar o potencial de crecemento


Destaca o proxecto de investigación que Estrella Galicia está a desenvolver a través do programa Fábrica intelixente, e en colaboración con Anfaco-Cecopesca, para a obtención dunha bebida fermentada de cereais con capacidade antiinflamatoria

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por incrementar os apoios á dixitalización e á I+D+i para impulsar sectores tradicionais da nosa industria e aproveitar o potencial de crecemento.
Sobre este punto, destacou as edicións que xa se teñen levado a cabo da Fábrica intelixente e que fan posible que, neste momento, haxa 67 empresas que estean a desenvolver proxectos, cunha mobilización de recursos que ascende aos 280 millóns de euros. “E a nova convocatoria que a Xunta acaba de pechar neste 2020 contará con 15 millóns de euros”, engadiu, co obxectivo de desenvolver 11 proxectos, que se atopan agora en fase de avaliación.
Durante unha visita ás novas instalacións de Estrella Galicia, na Coruña, o titular da Xunta puxo en valor o traballo que está a levar a cabo esta empresa no eido da Industria 4.0 e da I+D+i, así como a súa aposta polo arraigo territorial e a vocación de longo prazo.
“Estamos a falar dunha innovación centrada nas persoas”, dixo, subliñando que, grazas ao apoio da Xunta -a través do programa Fábrica intelixente-, esta compañía está a desenvolver un proxecto de investigación en colaboración con Anfaco-Cecopesca, baseado nas bebidas funcionais, é dicir, as que teñen un beneficio para a saúde. Unha iniciativa que, cun orzamento público-privado de máis de 2 millóns de euros, traballa na obtención dunha bebida fermentada de cereais con capacidade antiinflamatoria.
“Estamos a falar pois dunha empresa cuxo obxectivo é a diversificación de produtos, a diversificación de mercados e a innovación, ademais do seu compromiso co investimento para incrementar a capacidade de produción e co emprego”, expuxo, destacando, ademais das ampliacións que está a levar a cabo, a adquisición no polígono de Morás, en Arteixo, de 470.000 metros cadrados de superficie.
Pola súa banda, Ignacio Rivera Quintana, CEO en Hijos de Rivera, incidiu en que, se ben a situación producida pola pandemia non é fácil, a compañía seguirá apostando pola internacionalización e o investimento, co obxectivo de saír reforzada da crise. Ignacio Rivera agradeceu a actitude “proactiva e positiva” que está a ter o Goberno galego e resaltou a importancia do traballo conxunto de toda a sociedade para fronte á pandemia.